Delegación Provincial de Abastecementos e Transportes (A Coruña, España). (1939 - 1984)
2. Área de descripción
2.1 Fechas de existencia:
1939 - 1984
2.2 Historia/Descripción:
A Comisaría Xeral de Abastecementos e Transportes (CAT) créase a través da Lei do 10 de marzo de 1939 como un organismo dependente do Ministerio de Industria e Comercio. Nace coa función de controlar todo o proceso de produción, distribución e consumo dos produtos de abastecemento nunha época de especial carestía. Neste ano suprímese o Servizo Nacional de Abastecementos e Transportes, creado en 1938, así como a Xunta Central Reguladora do Abasto de Carne, outro antecedente da Comisaría. A súa organización pasa a depender da Comisaría Xeral de Abastecementos e Transporte.
A estrutura e funcións da CAT establécense no Decreto do 28 de abril de 1939 e reorganízanse tamén os órganos provinciais e locais, que son convertidos en xefaturas técnicas. O Decreto do 23 de setembro de 1939 suprime as delegacións provinciais, cuxas funcións asumirán os gobernadores civís respectivos. A Comisaría Xeral sofre unha reorganización, definida na Lei do 24 de xuño de 1941. Nela contémplanse os tres ciclos económicos do Servizo de Abastecementos: obtención de recursos, distribución e consumo. Encárgaselles aos gobernadores civís a regulación da fase de consumo; para axudalos na recollida de colleitas e na obtención de recursos, créanse as zonas de abastecemento, cun comisario de recursos á fronte. Estas zonas reúnen varias provincias e acomodan a súa traza tanto aos mapas de produción e consumo como aos das vías férreas, para aproveitar ao máximo os transportes e as posibilidades de distribución. Nesta organización, as provincias galegas constitúen a Zona Oitava.
As Comisarías de Recursos suprímense no 1957 (Decreto do 14 de xuño) e as súas funcións son encomendadas ás Delegacións Provinciais de Abastecementos e Transportes. O campo de actuación da CAT é practicamente ilimitado nas áreas de recursos e consumo. A Lei de 1941 establece que quedan subordinados á autoridade do Comisario Xeral todos os organismos que realizan funcións relacionadas co abastecemento. Tamén establece que, ademais dos elementos propios do Servizo de Abastecementos e Transportes, ten autoridade sobre os servizos provinciais do Ministerio de Agricultura e do Servizo Nacional do Trigo; sobre as organizacións provinciais e locais dos sindicatos; alcaldes, secretarios de concellos e inspectores veterinarios municipais; comerciantes, almacenistas e exportadores; organizacións provinciais e locais de FET e das JONS, ademais da Garda Civil e autoridades de toda orde.
Os anos corenta foron a época dourada da institución. Nos primeiros cincuenta o aumento dos recursos interiores e a apertura ao exterior permitiron suprimir o racionamento, suavizar a dureza da intervención e dedicarse a garantir as producións de alimentos básicos, ademais de regular o mercado a través da compra e distribución posterior de excedentes, así como a compra no exterior dos produtos deficitarios. A Lei do 7 de maio de 1942 modifica a de 1941. Destaca a dependencia do Delegado Nacional do Servizo Nacional do Trigo do Comisario Xeral de Abastecementos e Transportes no referido ao coñecemento dos recursos e existencias dispoñibles, subministracións colectivas, réxime de racionamento e prezos dos artigos de consumo. Nesta década hai tamén un cambio na dependencia da CAT respecto dos departamentos ministeriais: por un Decreto conxunto dos Ministerios de Agricultura e de Industria, do 19 de decembro de 1947, a Comisaría Xeral pasa a depender dos dous. Desde 1959 a liberalización económica fai que a CAT abandone o comercio exterior e se centre na reforma das estruturas comerciais, tanto a nivel grosista —por exemplo, coa creación de Mercados Centrais de Abastecemento, S.A. (MERCASA)— como detallista, potenciando os primeiros supermercados. Coopera tamén na reforma da produción agraria a través de cooperativas, mercados de orixe, etc. e tamén na súa comercialización, promovendo a aplicación do frío. Actúa tamén como instrumento do Goberno para frear a inflación. Os anos setenta supoñen unha perda de competencias polo desenvolvemento do Ministerio de Agricultura e a creación de novos organismos. En 1973 prodúcese a última gran reestruturación: aínda que conserva a condición de organismo autónomo, perde gran parte da súa capacidade consultiva e executiva e finalmente queda extinguida no 1981.
O Servizo Nacional de Produtos Agrarios (SENPA) asume a titularidade dos seus bens, dereitos e obrigas, entre os que está a documentación.
En canto ás delegacións provinciais, presididas polo Gobernador Civil, a competencia primordial nos primeiros anos é asegurar o abastecemento da poboación con artigos de primeira necesidade: a fase de consumo. A recollida queda encargada a un organismo supraprovincial, as Comisarías de Recursos de Zona. O proceso é paralelo ao do organismo central do que depende: a fin do racionamento no 1953 supón o inicio da decadencia. A partir dese momento concentra a meirande parte da súa actividade nas funcións de intervención. No entanto, aínda que a fin da autarquía no 1957 significa a transformación da CAT coa conseguinte perda de competencias, para as delegacións provinciais supón un aumento relativo de funcións, ao asumiren as competencias das comisarías de recursos.
As funcións das delegacións provinciais regúlanse nunha Circular da Comisaría Xeral, a 1/1977 do 25 de xaneiro. Sinala como obxectivo esencial unha eficaz actuación reguladora no mercado de produtos de primeira necesidade. Utilízase así este organismo como instrumento práctico do Ministerio de Comercio para o exercicio da política xeral de alimentación e abastecemento nacional. No ano 1981, ao desaparecer a Comisaría Xeral, as delegacións sobreviven baixo a dependencia do SENPA para dedicarse, como entidades executivas do FORPPA, á compra, almacenamento e financiamento de produtos agrarios. Así mesmo, continúan informando sobre produción, distribución e consumo de alimentos. E finalmente, desaparecen no 1984 por unha reestruturación interna do SENPA.