O 1 de xaneiro de 1903 comeza a andadura da Compañía de Tranvías da Coruña; inaugúrase a primeira liña de tranvía de mulas que cubría o traxecto de Porta Real á Estación de ferrocarrís, con ramais a Riazor e cocheiras.
En 1907 unha compañía belga faise co control da empresa, pero a súa xestión non durará moito. En 1909 a compañía declárase en creba e a compañía de Tranvías recupera o control perdido.
En 1913 a aprobación da electrificación do tranvía mellora notablemente o servizo. Acádanse os 20 km/hora e comeza a planificarse o tranvía interurbano entre A Coruña e Sada, que será unha realidade en 1922. Son anos de continuas melloras tecnolóxicas e ampliacións de liñas, pero simultaneamente son tempos conflitivos con numerosas protestas obreiras e manifestacións.
Os anos da Guerra Civil e da Segunda Guerra Mundial derivaron nunha gran crise xeral que lle afectou considerablemente á compañía de tranvías. O illamento que sufriu o noso país neses anos tivo como consecuencia unha escaseza de pezas de reposto.
O trolebús, coa súa maior mobilidade grazas ás rodas de goma, xurdiu como solución aos constantes problemas. Así, en 1948 comeza a circular o primeiro trolebús, que cubría a liña entre a praza de Pontevedra e Monelos. A rede de trolebuses foi ampliando o seu servizo ata retirar o último dos tranvías en 1962. A rede chegou a alcanzar os 34,2 km de extensión ao longo de gran parte da cidade.
As primeiras liñas de autobuses iniciáronse en 1965. Esta tecnoloxía, ao non ter que depender de ningunha infraestrutura na rúa, outorgaba unha versatilidade total para modificar e adaptar o servizo ás necesidades dunha cidade que medraba cada vez máis rapidamente.
Non obstante, na década dos setenta, comeza a notarse un descenso das persoas usuarias provocado, en parte, polo aumento de vehículos privados, polo que a compañía tivo dificultades para poder substituír o último dos trolebuses en 1979, sendo a última cidade de España en facelo.