A creación da Delegación Nacional de Excombatientes debemos situala no período de desmobilización do exército franquista, o que a levou a converterse nunha organización de veteranos do réxime. Este organismo tentaría devolver aos soldados desmovilizados aos seus antigos ou novos postos de traballo a través dun importante labor burocrático desenvolvido por comisións provinciais presididas polas autoridades militares e locais xunto a representantes de Falange. Para iso o 14 de outubro de 1937 (BOE nº 361, 16 de outubro de 1937), por Orde da Presidencia da Junta Técnica del Estado, créase o Servicio de Reincorporación al Trabajo co obxecto de ordenar a vida económica e social da nación e dos cidadáns. Este organismo será regulado polo Decreto do 14 de outubro de 1938 (BOE nº 116, 24 de outubro de 1938). En agosto de 1939 ordénase a creación da Delegación Nacional de excombatientes, cuxa misión primordial será a incorporación da mocidade combatente a un traballo, quedando baixo as ordes inmediatas da Secretaría General de Falange Española Tradicionalista y de las Juntas de Ofensiva Nacional Sindicalista (FET y de las JONS). A partir do Decreto do 20 de xullo de 1957 (BOE nº 192, 27 de xullo de 1957) a Secretaría General del Movimiento sofre importantes modificacións que deron lugar a que a Delegación Nacional de Excombatientes se integrase na Delegación Nacional de Asociaciones, a cal desaparecerá polo Decreto 15/1970 do 5 de xaneiro (BOE, 6 de xaneiro de 1970) pasando a incorporarse á Delegación Nacional de Acción Política y Participación. Os dous obxectivos básicos da Delegación Nacional de Excombatientes, e das súas distintas delegacións provinciais, son: a necesidade de recolocar nun posto de traballo a aquelas persoas que serviron no exército, facilitándolle o acceso a determinados empregos ou concedéndolle unha pensión; e contribuir ao seu adoutrinamento político.