A División Española de Voluntarios (DEV), coñecida como División Azul, foi unha unidade de voluntarios españois que formou unha división de infantería para cooperar con Alemaña na súa loita contra a Unión Soviética, no marco da Segunda Guerra Mundial.
Organizouse en Madrid o 25 de xuño de de 1941 e foi enviada pola ditadura de Franco para axudar ao exército alemán, participando en varias batallas entre 1941 e 1943, fundamentalmente relacionadas co sitio de Leningrado. A unidade estivo dirixida polo xeneral Agustín Muñoz Grandes, a proposta do ministro de Asuntos Exteriores, Ramón Serrano Suñer.
A División disolveuse en outubro de 1943 e regresou a España a finais dese ano. A retirada da Unidade coincidiu co cesamento de Serrano Súñer como ministro. Tras a súa disolución, varios miles de soldados rexeitaron volver a España e enroláronse na nova unidade denominada Legión Azul ou Legión Española de Voluntarios (LEV), baixo o mando do coronel da Lexión García Navarro, unidade que estivo activa ata marzo de 1944, cando se ordenou repatriar aos seus membros a España.