Fábrica de Fósforos da Coruña (España). (1871 - ca. 1955)
1.5 Otras formas del nombre:
Fábrica de Cerillas da Coruña
2. Área de descripción
2.1 Fechas de existencia:
1871 - ca. 1955
2.2 Historia/Descripción:
En Galicia xa podiamos atopar fábricas de mistos desde principios do século XIX, pero a máis importante da comunidade comezou a súa andaina en 1871. E a súa orixe atopámola en Irún. En 1856, Zaragüeta e Hiriart constrúen na beira esquerda do río Bidasoa a “Fábrica de Cerillas de Nuestra Señora del Juncal”, na que daban traballo a máis de 150 persoas. Pero os disturbios e enfrontamento asociados ás Guerras Carlistas fan que Zaragüeta busque outro lugar no que producir os seus mistos. E elixe a cidade da Coruña.
Nesta cidade Enrique Zaragüeta adquire os terreos de Castiñeiras de Arriba, e sitúa a fábrica no número 17, nunhas instalacións onde funcionara anteriormente unha fundición. Importa a maquinaria para a fabricación dos fósforos e comeza a produción en 1871.
Na Coruña había outras dúas fábricas de mistos, pero en 1892 créase en España o monopolio estatal do fósforo, que acaba coa competencia entre fabricantes e en consecuencia desaparecen a maior parte das pequenas fábricas. A de Zaragüeta foi a única da cidade que conseguiu sobrevivir e mesmo aumentou a súa produción grazas ás novas condicións do mercado. O Estado convertíase en propietario dos dereitos e os aluga para a explotación aos fabricantes por 15 anos.
Inicialmente a fábrica daba traballo a unhas cen mulleres, que eran coñecidas popularmente como as “misteiras” un colectivo con moita presenza na cidade que se converteu nun dos que tiña maior conflitividade laboral debido ás súas precarias condicións de traballo.
Ademais de ter uns baixos salarios, estas mulleres traballaban arreo, é dicir, cobraban polo que producían. Pero para poder producir mistos había que importar toda a materia prima e calquera alteración ou incidencia no mercado provocaba que en moitas ocasións non se puidese fabricar, co que as “misteiras” tampouco cobraban. Este tipo de situacións era moi habitual, o que provocaba chamadas de auxilio a outros colectivos obreiros da cidade, que recadaban fondos para axudalas cando non cobraban.
Todas estas situacións provocaron que estas mulleres traballasen conxuntamente para mellorar a súa situación e as súas condicións laborais mediante folgas, paradas de produción e creación de sindicatos. Ademais, tamén loitaban contra todos os abusos dos que eran vítimas e en defensa da súa propia dignidade.
Pero o 19 de xuño de 1906 todo estivo a piques de acabar. Pouco despois de finalizar a xornada de traballo declarábase un incendio na fábrica. Parece que, de maneira fortuíta, a gran cantidade de material inflamable almacenado comezou a arder, provocando un lume de dimensións bíblicas que podía verse desde toda a cidade. A fábrica quedou completamente destruída e o voraz incendio levaba á miseria a cen modestos fogares. Con todo, grazas a un intenso esforzo, a fábrica renovou o seu traballo o 20 de decembro dese mesmo ano e os traballos de reconstrución finalizaron case un ano despois.
Pero os problemas parecían non ter fin. En febreiro de 1908 a fábrica tivo que pechar as súas portas de novo. Nesta ocasión debido a que o contrato co Estado expirara. Todas as mulleres víronse de novo abocadas á miseria. Con todo, un mes despois do peche, volveu renovar a fabricación, tras a sinatura doutro contrato no que a factoría se comprometía a dobrar a produción. Este novo contrato provocou que a factoría chegase a dar traballo a 350 persoas.
Con todo, a industria dos mistos tiña dous graves problemas. A súa materia prima era de difícil acceso, sobre todo en épocas de guerra, e os chisqueiros comezaban a xurdir en todo o mundo. Pero a pesar de sufrir dúas guerras mundiais, a fábrica permaneceu aberta ata a Guerra Civil, en que se viu obrigada a pechar, novamente, durante varios meses, aínda que a produción renovaríase en 1938. Para poder traballar nesta nova etapa baixo o réxime franquista era necesario presentar certificados de adhesión ao Movemento Nacional, motivo polo cal serían rexeitadas parte das antigas empregadas. A actividade foi renovada con ao redor de 300 obreiras.
Finalmente, na década dos 50, a popularidade dos chisqueiros fixo que os mistos deixasen de ser rendibles e a fábrica pechou de maneira definitiva