A Dirección General de Seguridad foi creada en 1886 como un organismo estatal dependente do Ministerio da Gobernación co fin de centralizar os corpos e servizos policiais existentes na época, converténdose nun importante instrumento da política de orde pública.
Polo Real Decreto do 27 de novembro de 1912 creáronse dentro da Dirección General de Seguridad, as seccións de Vixilancia e Seguridade, sendo tamén a partir dese momento a entidade encargada de centralizar todos os datos e informacións procedentes do territorio nacional relacionados co mantemento da orde pública e a prevención e persecución dos delitos.
Despois da Guerra Civil pola Lei do 23 de setembro de 1939 reorganizouse a Dirección General de Seguridad, desde entón estivo integrada por catro comisarías xerais: as de Fronteiras, Información, Orde Pública e Identificación. A Orde do Ministerio da Gobernación do 7 de outubro de 1939 regulaba as atribucións de cada unha delas. Foi suprimida en 1986 e substituída pola actual Secretaría de Estado de Seguridade.