É a Cámara Baixa das Cortes Xerais de España. Exerce xunto co Senado o poder lexislativo da nación.
O Congreso dos Deputados ten o seu antecedente máis remoto no Estatuto Real de 1834, outorgado pola raíña María Cristina, rexente durante a minoría de idade de Isabel II, e que estableceu por primeira vez en España a configuración bicameral das Cortes, ao dividilas en dous Estamentos: o de Próceres do Reino e o de Procuradores do Reino.
Na Constitución de 1837, aprobada como consecuencia do Motín da Granxa de San Ildefonso que forzou á raíña rexente a sancionala, recolleuse por primeira vez a denominación de «Congreso dos Deputados» para a Cámara Baixa das Cortes Xerais.
Nas sucesivas Constitucións de 1845, 1856, 1869 e 1876 preservaron a configuración do Congreso dos Deputados como unha cámara de representación popular, que nalgúns casos tivo atribuída preeminencia sobre o Senado en materia de forzas armadas e de contribucións e crédito público e control político aos membros do Goberno.