A UGT foi fundada por un grupo de trinta e dous delegados, representantes de corenta e catro sociedades de oficios, o 12 de agosto de 1888 en Barcelona, durante un congreso obreiro que con sede no Teatro de Jovellanos, coincidindo coa celebración da Exposición Universal de Barcelona de 1888.
Nos traballos relacionados con esta Exposición empregáronse a miles de persoas en tarefas de construción, que realizaban o seu traballo en duras condicións, o que xerou certa conciencia da necesidade de organizarse para defender os seus intereses.
Na segunda sesión, Pablo Iglesias Posse, un tipógrafo de orixe galega, propuxo que a organización nacional de sociedades obreiras que pretendían crear se denominase Unión General de Traballadores.
No período da Primeira Guerra Mundial producíronse tácticas de achegamento e unidade de acción cos anarcosindicalistas da Confederación Nacional del Trabajo (CNT). Ata o seu XIV Congreso de 1920 non asumiu a loita de clases como principio básico da acción ugetista.
Aínda que nunca chegou a establecer un órgano mixto de conexión institucional co Partido Socialista Obrero Español (PSOE), o sindicato si estivo relacionado co partido desde o seu nacemento, xa que ata a década de 1980 a sindicación a UGT supoñía a afiliación ao PSOE e viceversa.
As relacións con CNT interrompéronse bruscamente ao instaurarse a ditadura de Miguel Primo de Rivera.
Durante a época da Segunda República pasou do millón de afiliados.
Durante a Guerra Civil, realizou, xunto coa Confederación Nacional del trabajo, a Revolución social española de 1936 iniciada na zona republicana tras o golpe de estado de xullo de 1936. O seu líder, Largo Caballero, asumiu a presidencia do goberno republicano a principios de setembro de 1936.
Tras o exilio forzado pola represión franquista, as actividades da central pasaron da clandestinidade durante a ditadura ao seu rexurdimento no marco da transición democrática, xunto con Comisiones Obreras (CCOO), constituíndose como as opcións con maior afiliación na España democrática. Desde a Transición ata 1994 o seu secretario xeral foi o histórico sindicalista Nicolás Redondo, que foi substituído por Cándido Méndez.