Por mor da creación dos partidos xudiciais, o 3 de marzo de 1820, Xinzo de Limia sitúase como cabeceira do partido que leva o seu nome e así se manterá cando se realice a nova división xudicial, o 21 de abril de 1834. Este partido estaba integrado polos seguintes concellos (Boletín Oficial da Provincia de Ourense, o 15 de xullo de 1836): Baltar, Os Blancos, Calvos de Randín, Moreiras, Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás, Sarreaus, Trasmiras, Vilar de Santos e Xinzo de Limia. Co Decreto 3388/1965 do 11 de novembro, suprímese o partido de Xinzo de Limia e todos os concellos que o integran pasan a depender do partido xudicial de Ourense. A nova Lei 38/1988, do 28 de decembro, volverá repoñer o partido xudicial de Xinzo de Limia. Con anterioridade, o 9 de xaneiro de 1927, o concello de Moreiras incorporouse ao de Xinzo de Limia en virtude da fusión acordada polas respectivas corporacións.
A Real Pragmática do 31 de xaneiro de 1768 ordenaba a creación dun Oficio de Hipotecas en todas as localidades cabeza de partido e naquelas cabezas de xurisdición que así fosen establecidas polas audiencias ou chancilerías. Estes oficios estaban a cargo dos escribáns do concello nomeados pola Xustiza e Rexemento respectivos, os cales debían levar un libro rexistro para cada un dos municipios do partido, tomando razón separadamente por cada concello e ano. Os primeiros libros, denominados libros de toma de razón de censos, hipotecas e gravames, rexistran aquelas escrituras que contiñan algún tipo de carga: traslado de dominio de bens inmobles, contratos de arrendamento, censos, hipotecas… así como tamén se toma nota da súa redención ou cancelación.
En 1774, a Circular do Consello de Castela do 26 de febreiro, dispoñía a obrigación de inscribir no novo rexistro aqueles censos e hipotecas que fosen realizados ante notario con anterioridade a 1768, por este motivo non é raro que atopemos asentos de escrituras dos séculos XVI ou XVII.
O Real Decreto do 31 de decembro de 1829, coa súa instrución complementaria do 29 de xullo, fai que pasen a denominarse Contadorías de Hipotecas, por mor da creación do imposto “Dereito de Hipotecas” (antecedente dos dereitos reais) que se aplicaba a calquera contrato que rexistrase unha translación de dominio.
Co Real Decreto do 15 de xuño de 1845 modifícase a súa organización e pasan a denominarse “Oficinas de rexistro”, definindo os actos que están suxeitos ao dereito de hipotecas (toda translación de bens inmobles, en propiedade ou usufruto, os arrendos e subarrendos dos mesmos bens e as imposicións e redencións de censos) e os que son de obrigatoria inscrición (as herdanzas en liña directa de ascendentes e descendentes, as adquisicións feitas en nome e polo interese do Estado, as hipotecas de bens inmobles e os mandatos xudiciais de embargo de bens inmobles). Por outra banda, tamén se establecen cambios na organización dos libros, por leiras e non cronoloxicamente como ata entón, e distínguense as propiedades rústicas das urbanas. Xorden así os libros rexistro de translación de dominio, os cales debían estar foliados e rubricados en todas as súas follas polo administrador e polo xuíz de primeira instancia do partido. Ademais, establécense novas tipoloxías de libros: os libros de arrendos e subarrendos.
Coa Lei Hipotecaria do 8 de febreiro de 1861 desaparecen as Contadorías de Hipotecas para deixar paso aos actuais Rexistros da Propiedade. A nova Lei regulou o tránsito ao novo sistema (pecharíanse os libros anteriores a 1861 polo rexistrador da propiedade e o último contador de hipotecas, en presenza do Xuíz de Primeira Instancia do partido correspondente) e ordenou que se confeccionasen os índices xa previstos no Decreto de 1768 (no caso de que non se realizarán), esta é a razón pola que unha boa parte dos índices confeccionáronse a partir de 1861. Por mor desta Lei, o Rexistro da Propiedade configúrase con dúas seccións: o Rexistro da Propiedade propiamente dito e o Rexistro de Hipotecas, onde se anotarán as inscricións e cancelacións de hipotecas, ata que a Lei de Reforma de 1869 suprime esta segunda sección e os seus libros (1862 a 1870) quedan pechados definitivamente, como ocorrera cos anteriores.
Historia archivística
Orixinariamente os libros gardaríanse e custodiarían na casa do concello de Xinzo de Limia, baixo a responsabilidade tanto do escriban como da Xustiza e do Rexemento. O Real Decreto do 31 de xaneiro de 1862 estableceu que os rexistradores da propiedade debían facerse cargo dos libros das antigas Contadorías de Hipotecas, polo que estes libros pasan a estar custodiados na oficina do Rexistro da Propiedade de Xinzo de Limia ata que a publicación da Orde do Ministerio de Xustiza, do 14 de decembro de 1957, autoriza aos rexistradores da propiedade a entregar estes libros aos Arquivos Históricos Provinciais. Os libros ingresan mediante transferencia no Arquivo Histórico Provincial de Ourense en 1966.
Alcance e conteúdo
No Arquivo Histórico Provincial de Ourense conservamos un total de 176 unidades documentais da antiga Contadoría de Hipotecas do partido xudicial de Xinzo de Limia, para un período cronolóxico que se estende desde 1768-1862 e que xeograficamente abarca os once concellos que nese momento estaban adscritos a este partido: Baltar, Os Blancos, Calvos de Randín, Moreiras, Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás, Sarreaus, Trasmiras, Vilar de Santos e Xinzo de Limia.
A documentación que integra este fondo está constituída por unha serie de libros rexistro onde se inscribían os actos suxeitos á toma de razón do dereito de hipotecas: libros de toma de razón de hipotecas, censos e gravames; libros rexistro de translación de dominio; libros rexistro de arrendos e subarrendamentos; os libros índices; ademáis dun libro de anotacións dos rendementos da oficina e un libro de actas de visita de inspección.
Estes libros, pola súa ampla cobertura xeográfica e a riqueza da información que ofrecen, son unha fonte esencial para analizar a evolución xurídica, económica e histórica da propiedade urbana e territorial nun período cronolóxico, de 1768 a 1862, caracterizado por sufrir grandes cambios na estrutura socioeconómica, especialmente no referido á distribución da propiedade inmoble, non debemos esquecer que vén coincidir coas desamortizacións civís e eclesiásticas de finais do século XVIII e primeira metade do XIX. Ademais, en ocasións nestes libros tomábase razón de escrituras moi anteriores a esa data (séculos XVI e XVII) polo que tamén pode proporcionar unha valiosa información para períodos anteriores. Por outra banda, esta documentación está estreitamente vinculada cos protocolos notariais, converténdoa nunha fonte auxiliar dos mesmos; a inscrición nestes libros sempre nos remitirá á escritura notarial correspondente e sempre poderemos reconstruír a historia dunha propiedade seguindo a inscrición no rexistro da propiedade. Así mesmo, as inscricións de leiras urbanas recollidas nestes libros proporciónannos interesantes datos para elaborar investigacións sobre a arquitectura e o urbanismo, e as de leiras rústicas son moi útiles para o estudo da agricultura e a gandería e outros temas de xeografía económica. Igualmente, os nomes de leiras, lugares e pobos convértena nunha fonte importante para o estudo da toponimia.
Clase de documento:
Textual
Condiciones de acceso
Condiciones de acceso
Descripción condiciones de acceso:
A documentación é de acceso libre, agás as restricións contempladas no artigo 57 da Lei 16/1985 de Patrimonio Histórico Español e no 23 da Lei 7/2014 de arquivos e documentos de Galicia. O acceso tamén estará condicionado polo estado de conservación dos documentos.
Condiciones de reproducción
Normativa:
A reprodución está suxeta ao establecido no Decreto 219/2011, do 17 de novembro, polo que se fixan os prezos públicos e as normas dos servizos de reprodución prestados nos arquivos xestionados pola Xunta de Galicia así como na Lei 6/2003, de 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia. Igualmente, a publicación dunha reprodución debe ser autorizada, devengando o prezo público establecido no Decreto 219/2011 (artigo 5). Limítase a reprodución daqueles documentos que se atopen en mal estado de conservación.
Lengua:
Spanish; Castilian
Escritura:
Humanística
Características físicas
Material en el que se registra la información:
Papel
Estado de conservación:
Bo
Descripción del estado de conservación:
O estado de conservación de cada libro detállase na ficha descritiva correspondente.
As datas de acumulación veñen dadas por dúas series: a inicial (1694) por un libro rexistro de translación de dominio do concello de Vilamartín de Valdeorras e a final (1882) por un caderno supletorio de cancelacións de toma de razón do partido de Allariz.
Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Xunta de Galicia