En abril de 1927 falecía o seu pai, o eterno ministro de Fomento Rafael Gasset e o xornal familiar crebaba definitivamente. Ricardo Gasset decidiu deixar o Madrid da ditadura primorriverista, moi desencantado polo que consideraba falta de recoñecemento por parte de Alfonso XIII cara á figura política do seu pai, para ocuparse da xestión das propiedades dos Campomanes no Incio.
Tras o advenimiento da Segunda República, saíu do seu illamento da esfera pública e apareceu adscrito ao Partido Radical de Alejandro Lerroux, moi vinculado no seu seo á traxectoria do editor e político sevillano Diego Martínez Barrio (1883-1962). Tras as eleccións de novembro de 1933, foi designado gobernador civil da Coruña. Deixará, con todo, o posto moi pronto, en febreiro de 1934, por diferenzas coa liña política e de alianzas, cada vez máis dereitista, do seu partido. Posteriormente, seguiu os pasos de Martínez Barrio na súa disidencia no seo do Partido Radical e na fundación de Unión Republicana, en xullo de 1934, que sería a organización máis moderada das que integrarían as candidaturas da Fronte Popular nas eleccións de febreiro de 1936.
O estalido da Guerra Civil sorprendeulle en Galicia, mentres traballaba no relatorio do Estatuto de Autonomía. Conseguiu regresar a Madrid, deixando á súa familia en Lugo. O Goberno Giral nomeouno vogal da Junta Central de Socorros, xunto a Victoria Kent, Dolores Ibárruri e María Lejárraga. Durante o transcurso da Guerra Civil, ademais de deputado pola circunscrición de Lugo, desde as eleccións de febreiro de 1936, exerceu o posto, con carácter eminentemente técnico e de xestión, de subsecretario no estratéxico Ministerio de Comunicacións
A caída de Cataluña, en xaneiro de 1939, en poder das tropas franquistas significou para Ricardo Gasset os comezos dun exilio que se ía a prolongar ata fins de 1949. Despois de participar na postremeira reunión das Cortes republicanas –que tivo lugar no castelo de Figueras o 1 de febreiro de 1939–, formou parte da riada de case medio millón de exiliados, de toda sorte e condición, que se viron obrigados a abandonar España, de forma temporal ou definitiva.
Instalouse en Montauban. Finalmente, instalaríase en Toulouse, a capital política e cultural do exilio republicano, onde permaneceu ata comezos de 1948, cando se trasladou a París.
En novembro de 1940 foi condenado, en ausencia, polo Tribunal rexional de responsabilidades políticas da Coruña.
A partir da Liberación de Francia no verán de 1944, volveu exercer unha actividade considerable no mundo do exilio. Primeiro, como unha especie de embaixador do republicanismo español no departamento do Alto Garona. En segundo lugar, participando na xestación e constitución da Alianza Nacional de Fuerzas Democráticas, organismo que tentaba reagrupar en Francia desde setembro de 1944 a todas as correntes do republicanismo. O 17 de xaneiro de 1945 Ricardo Gasset formou parte da primeira sesión plenaria da Unión de Intelectuais Españoles na súa sección de Toulouse. En outubro do mesmo ano estivo presente na constitución da Agrupación de Xornalistas e Escritores Españois en Francia, como filial da xa organizada en México.
Neste proceso histórico, Ricardo Gasset colaborou activamente e nel inscríbese a súa nova iniciativa editorial: L’Espagne Républicaine. Hebdomadaire Politique et Littéraire.
En cuestións políticas, inicialmente, mantívose afín aos postulados de Unión Republicana. Ricardo Gasset sempre tivo o seu horizonte na reunión de todos os republicanos nun só partido. Esta vocación unitaria e aberta será visible tamén na colaboración co Partido Socialista e as organizacións sindicais do exilio, coa tallante excepción do Partido Comunista. Ricardo Gasset, en definitiva, pode ser cualificado ideoloxicamente como un republicano posibilista. Defendeu a legalidade republicana ata que a considerou un lastre para a transformación política de España. Desde finais de 1946 fará súas as teses plebiscitarias de Indalecio Prieto e a procura dun pacto para levar a cabo unha transición democrática cos monárquicos de don Juan, das que foi o seu principal adaíl xornalístico.
Ricardo Gasset volvería a España a fins de 1949, onde permanecera a súa familia, muller e fillos. Deixou os seus documentos persoais depositados nos Arquivos Nacionais de Francia. Tras o seu retorno, refuxiouse no Incio, onde levou a cabo diversas iniciativas, tales como a transformación e explotación do Hotel-Balneario, asociado co banqueiro coruñés Andrés Vilariño, así como numerosas obras de electrificación e educativas.
Faleceu en Madrid o 22 de xullo de 1966
2.3 Lugares:
Lugar de nacimiento: Madrid Lugar de fallecimiento: Madrid