Integrada en FET e das JONS, a Delegación Nacional de Auxilio Social organízase por Decreto do 17 de maio de 1940 para prestar un conxunto de funcións asistenciais en favor de indixentes, orfos, pobres e infancia necesitada en xeral, creándose a tal fin establecementos de asistencia e formación. A organización periférica encomendábase ás Delegacións Provinciais, Comarcais e Locais. Por Orde do 9 de xaneiro de 1970 todos os servizos da antiga Delegación Nacional de Auxilio Social integrábanse provisionalmente no Servizo Nacional de Auxilio Social, que por Decreto do 17 de agosto de 1973 pasou a denominarse Instituto Nacional de Asistencia Social (INAS). Por Decreto do 15 de abril 1977 transfírense as súas funcións e competencias ao Ministerio de Traballo e, tres meses despois, trasladábanse ao recentemente creado Ministerio de Sanidade e Seguridade Social.